DANZA ALFAIA
Paula Quintas é Directora, coordinadora e docente de Danza Alfaia.Escola de Danza en Santiago de Compostela. #12 anos.
Desde fai máis de dez anos imparto unha formación regular en Danza Alfaia, en Santiago de Compostela cun programa en diferentes niveis de experimentación e condición física en relación á danza contemporánea. O programa divídese en diferentes bloques de investigación, por unha parte laboratorio de movemento ou Movement Research onde, a través de diferentes técnicas como Gaga ou Laban, chegaremos a un movemento en 360º e unha linguaxe auto expresiva da comunicación non verbal, analizando diferentes calidades, dinámicas, estados e texturas para coñecer mellor a nosa personalidade no movemento tanto organica como inorgánica, e por outra parte a técnica en danza contemporánea e acondicionamento físico, entendido como traballo máis coreográfico formal de forma traballando con diferentes técnicas de partida; release, Cunningham, flying low, e acrobacia de chan.
A creación contemporánea é outro punto importante na miña investigación pedagóxica, potenciando a práctica escénica e un traballo entorno á video-danza e á performance, desenvolvendo un traballo corporal moi relacionado co obxectos, onde a través deles e con eles, podemos chegar a experimentar outros estados físicos axudándonos a sair da gravidade.
DANZA & ESPAZO PÚBLICO
O corpo é palabra. O espazo público, escenario compartido. Este obradoiro propón unha exploración da danza contemporánea como ferramenta de expresión e transformación no espazo urbano.
A través do movemento, a improvisación e a creación colectiva, cuestionaremos como habitamos os lugares cotiáns: prazas, rúas, muros ou recunchos esquecidos.
O obxectivo non é só bailar, senón intervir, dialogar e reinventar o espazo que nos rodea, converténdoo nun territorio de encontro, arte e memoria viva.
Este obradoiro integra os principios da análise do movemento desenvolvidos por Rudolf Laban con conceptos de arquitectura espacial, fomentando a exploración do corpo en relación co espazo, a forma e a estrutura. A través de actividades prácticas e reflexións teóricas, propoñemos un enfoque interdisciplinario entre danza, pedagoxía e arquitectura, destacando a importancia do corpo como ferramenta perceptiva e creativa.
Dirixido a persoas con ou sen experiencia en danza, este obradoiro convida a abrir o corpo e a mirada, e a descubrir novas formas de conexión entre nós e co mundo que transitamos cada día. Corpo, cidade, presenza.
Un xesto pode cambiar o espazo. Un paso pode contar unha historia.





DANZA CUÁNTICA
A partir do Modelo estándar de física de partículas, as persoas participantes na actividade investigarán unha serie de elementos a través do seu corpo e do movemento.
A proposta busca representar as teorías cuánticas de campos, que describen partículas elementais e a interacción entre elas, como accións producidas na danza, e explora a interconexión entre ambas as disciplinas. As partículas elementais son as entidades de materia máis pequenas coñecidas que nos permiten describir o universo.
Deseñamos esta actividade como un espazo no que os corpos poidan expresarse como entes irredutibles, nos que a cinemática propia réxase polas interaccións fundamentais da forza nuclear e nos afaste dos contidos físicos clásicos descritos na danza.
Ás persoas interesadas propoñémoslles un reto que consiste en explorar os límites do corpo: Queres tentar dar un xiro de 720 graos? Os fermións poden, descúbreo!







